O membro de GESPIC Damián Copena estivo recentemente en Babia (León) participando nas actividades do Outono en Babia. Concretamente, participou na mesa redonda “El futuro de la apicultura: manifestación patrimonial y actividad productiva sostenible”. A actividade estivo organizada pola asociación “Estás en Babia” xunto co proxecto Cultur-Monts do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. O evento contou coa participación de Mónica F. Valledor, da Reserva da Biosfera de Babia, David González-Álvarez, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e de Alberto Uría, de El País del Abeyeiro.
Na actividade, á que asistiron un bo número de persoas procedentes do sector da apicultura xunto con persoas interesadas, tratouse a vinculación entre apicultura e patrimonio. Damián Copena amosou diversos exemplos de boas prácticas ao divulgou algunhas das investigacións feitas desde GESPIC sobre esta temática.
Durante a actividade debateuse longo e tendido sobre as oportunidades que se abren neste eido para a apicultura de Babia. O manexo das abellas considérase como unha actividade de interese para o desenvolvemento socioeconómico deste espazo tan fermoso e singular.
Damián Copena ten publicado nos últimos anos diversos traballos científicos sobre a historia da apicultura e, especificamente, sobre a industria apícola cereira. O membro de GESPIC ten participado en procesos de posta en valor do patrimonio apícola asociado e realizado diversas actividades de divulgación sobre esta actividade historicamente relevante nas áreas rurais.







