O membro de GESPIC Damián Copena ten participado recentemente nas Xornadas Internacionais da XXXVIII Feira Apícola Rías Baixas coa ponencia “O patrimonio industrial apícola cereiro no noroeste da Península Ibérica”. No evento, organizado pola Agrupación Apícola de Galicia e o concello do Porriño, o investigador e docente da USC realizou un achegamento á importancia histórica da actividade apícola cereira e ás últimas investigacións publicadas en relación cos lagares de cera de prensa de viga e as eiras de cera de abella. Tamén se presentaron varias boas prácticas desenvolvidas nos últimos anos en relación con esta temática como o centro de interpretación Favum localizado no concello de O Covelo. As actividades tiveron unha grande asistencia sendo un interesante punto de encontro para as persoas apicultoras e o público interesado no mundo das abellas.
A Feira Apícola Rías Baixas é un evento moi consolidado que conta unha ampla traxectoria temporal. Nela realízase un amplo programa de actividades vinculadas coa apicultura. Deste modo, ademais das charlas técnicas hai showcooking, catas comentadas de mel, obradoiros, etc.
Damián Copena ten desenvolvido nos últimos anos diversos traballos científicos sobre a historia da apicultura e, especificamente, sobre a industria apícola cereira. O membro de GESPIC ten participado en procesos de posta en valor do patrimonio apícola asociado e realizando diversas actividades de divulgación sobre esta actividade historicamente relevante nas áreas rurais de Galicia.







