O pasado 26 de xuño de 2026 tivo lugar unha actividade formativa do Grupo de Innovación Docente en Historia Económica. Esta consistiu nunha visita para coñecer e aprender sobre o patrimonio industrial apícola cereiro nas áreas rurais. Deste xeito, profesorado da área de Historia e Institucións Económicas (HIE) da USC desprazámonos ata o concello de O Covelo (Pontevedra) para coñecer in situ diferentes elementos do patrimonio industrial vinculado coa cera de abella que se conservan neste municipio. Na actividade puidemos comprobar como o aproveitamento da cera de abella foi unha actividade económica historicamente relevante nalgunhas áreas rurais de Galicia como O Covelo. Debido a isto, consérvanse na actualidade diversos restos patrimoniais vinculados con este produto das abellas entre os que destacan os lagares de cera de prensa de viga e as eiras de branqueo da cera. Tendo en conta esta circunstancia, o obxectivo da visita consistiu en obter coñecementos sobre esta actividade económica nas áreas rurais que poder usar como exemplo nas aulas das materias de historia económica.
A visita comezou no lugar de Paraños onde nos encontramos con Xosé Manuel Sendín, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños. Alí puidemos visitar o lagar de cera de prensa de viga e as eiras da cera que se conservan neste lugar. Tamén puidemos acceder ao Favum, un interesante centro de interpretación da cerería que recolle pezas locais e diferentes paneis explicativos. A recuperación do lagar e a creación do centro de interpretación son proxectos impulsados pola Comunidade de Montes de Paraños que permiten coñecer o patrimonio material e inmaterial ligado coa industria da cera de abella.
A seguinte parada na visita foi ao lugar da Lamosa, tamén no Covelo. Alí achegámonos ata unha eira de branqueo da cera de grande tamaño onde puidemos aprender sobre o proceso necesario para incrementar o valor engadido da cera de abella. Tamén nos achegamos a outro lagar da cera en estado ruinoso. Ao longo da visita ao Covelo puidemos coñecer algúns resultados de investigacións feitas desde a área de HIE sobre esta temática como o artigo “Patrimonio industrial apícola cerero en el noroeste peninsular: los lagares de cera de prensa de viga”, que ten sido publicado fai uns meses na ERPH_revista electrónica de patrimonio histórico.
A visita finalizou no concello de Mondariz Balneario, onde percorremos algúns dos lugares de interese deste municipio que conta con grande relevancia histórica nas actividades económicas ligadas ao turismo. Deste xeito, visitamos espazos como a fonte de A Gándara ou os xardíns que se localizan ao redor do antigo Gran Hotel.
Desde o Grupo de Innovación Docente en Historia Económica, constituído no ano 2025, preténdese continuar realizando accións formativas diversas que favorezan procesos de innovación e a mellora da docencia nas materias da área de HIE.







