O membro do grupo GESPIC Damián Copena ven de publicar recentemente o artigo “De la apicultura fijista a la movilista: Políticas públicas y dinámicas de la modernización del sector apícola español (1867-1980)” na revista Historia Agraria. O traballo ten coma obxectivo o estudo do proceso de cambio tecnolóxico que experimenta a apicultura no Estado no período que abarca desde o ano 1867 ata o 1980. Para elo, a partir de diversas fontes históricas como publicacións apícolas, estatísticas históricas, documentos normativos e documentación de arquivos, analízase o proceso de cambio tecnolóxico derivado da aparición de novos coñecementos científicos que posibilitan un progresivo cambio desde a apicultura denominada como fixista cara á coñecida como mobilista. No artigo preséntanse os dous modelos apícolas e faise unha análise das políticas e iniciativas públicas implantadas no Estado para a difusión destas innovacións apícolas durante o período de estudo. O texto analiza, finalmente, as principais dinámicas experimentadas durante este proceso de modernización do sector apícola. Así, móstrase o incremento da importancia das colmeas mobilistas e o paulatino declive das fixistas, as modificacións na xeografía do sector, cunha perda de relevancia de áreas históricas e o fortalecemento doutras rexións, ou as dinámicas produtivas que teñen lugar a partir do cambio tecnolóxico, destacando a constatación dun importante incremento da produción de mel.