O traballo publicado na revista ERPH no que participa Damián Copena céntrase no estudo dos lagares de cera de prensa de viga
O aproveitamento da cera de abella foi unha actividade historicamente relevante nas áreas rurais. Debido a isto, consérvanse na actualidade diversos restos patrimoniais vinculados co prensado deste produto das abellas entre os que destacan os lagares de cera de prensa de viga. Así se constata no artigo “Patrimonio industrial apícola cerero en el noroeste peninsular: los lagares de cera de prensa de viga”, que ten sido publicado recentemente en ERPH_revista electrónica de patrimonio histórico. Un traballo de investigación que ten sido realizado polo membro de GESPIC e profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas Damián Copena, a investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Mariam Ferreira Golpe e polo investigador independente Diego Copena Rodríguez.
Un patrimonio apícola cereiro único que se atopa en risco de desaparición
O artigo amosa como a apicultura, que foi declarada no 2025 polo Consello de Ministros como manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial, ten como elementos singulares os lagares de cera para o prensado do produto das abellas, existindo tamén infraestruturas de branqueo da cera de abella. Na investigación téñense identificado un total de 14 lagares de cera de prensa de viga que están localizados en áreas rurais de municipios do noroeste do Estado e da Região Norte de Portugal xunto con exemplos de eiras da cera. No estudo constátase como este é un patrimonio singular do que apenas existen exemplos conservados noutras partes de Europa.
O traballo de campo realizado amosa varias boas prácticas na conservación e posta en valor deste patrimonio como o caso do centro de interpretación desenvolvido pola comunidade de montes de Paraños (O Covelo) ou o impulsado na freguesía de Felgueiras (Torre de Moncorvo, Portugal). Pola contra, tamén se mostra como unha parte significativa dos lagares identificados conta cun estado deficiente de conservación. Nesta cuestión o texto conclúe que resulta necesario realizar por parte dos axentes implicados (administracións públicas, universidades, centros de investigación, entidades apícolas, etc.) un esforzo para tratar de identificar posibles novos lagares de cera de prensa de viga e restaurar, conservar e protexer os que xa están identificados.







