O traballo publicado na revista Historia y Política analiza os problemas e os éxitos das conferencias agrícolas
O profesor de GESPIC na facultade de Administración e Dirección de Empresas Damián Copena, pertencente á área de Historia e Institucións Económicas (Departamento de Economía Aplicada da USC), ven de publicar, en coautoría con María Gómez Martín da Universidade de Oviedo, o artigo “«Buenas tonterías dicen los que estudian». Las conferencias en la Ley de Enseñanza Agrícola de 1876 como herramienta de transformación rural”.
O traballo publicado na revista Historia y Política, tivo coma obxectivo o estudo do proceso de creación e posta en funcionamento das conferencias agrícolas desenvolvidas ao abeiro da Lei de 1876. Para elo, foi necesaria a utilización de diversas fontes, entre as que destaca a consulta de documentación primaria en arquivos e publicacións hemerográficas. O artigo presenta o percorrido da iniciativa, que se desenvolveu en esencia entre os anos 1876 e 1880, mostrando as dificultades existentes para a implantación dunha experiencia sumamente ambiciosa, así como os éxitos obtidos durante o proceso.
Máis de 10.000 conferencias agrícolas vinculadas coa Lei de Ensinanza Agrícola de 1876
A Lei de Ensinanza Agrícola de 1876 pretendía que tódolos domingos se ofrecera unha conferencia agrícola en cada un dos concellos do Estado para incrementar o nivel de coñecemento das persoas agricultoras e favorecer a difusión das innovacións tecnolóxicas e de manexo. No artigo queda reflectida a relevancia que tivo esta iniciativa que comezou en setembro de 1876. De feito, grazas ao esforzo conxunto das institucións públicas se organizaron máis de 10.000 conferencias agrícolas nas capitais e localidades das diferentes provincias, dando lugar a un corpus de coñecemento agronómico sumamente relevante. Pola contra, o desenvolvemento das conferencias tivo diferentes problemáticas, como o descontento de conferenciantes e ouvintes ou o excesivo peso dos contidos teóricos, que provocaron a súa progresiva desaparición.
En definitiva, o artigo amosa unha experiencia sumamente ambiciosa e singular desenvolvida por parte da Administración pública que tratou de achegar os coñecementos agronómicos aos diferentes territorios. Unha iniciativa modernizadora que, a pesar de tódolos esforzos aplicados, nunca conseguiu superar as dificultades existentes.