Damián Copena, membro do grupo GESPIC e profesor axudante doutor da Área de Historia e Institucións Económicas dentro do Departamento de Economía Aplicada da USC, ven de publicar, en coautoría con María Gómez Martín da Universidade de Cádiz, o artigo “Spanish–French leech trade and its consequences: From the increase in medical demand to resource depletion and technical innovation”.
O traballo, publicado en open access na prestixiosa revista Medical History da editorial Cambridge University Press, tivo coma obxectivo o estudo histórico-económico do sector das sambesugas en España, centrando a atención nos procesos de recolección, regulación, ámbitos de demanda de uso médico, así como no estudio das relacións comerciais con Francia desde o inicio do século XIX ate a década de 1860. Deste xeito, o artigo analiza, a partir de diversas fontes históricas, o impacto ocasionado pola difusión das teorías do médico francés Brousssais sobre a utilización de sambesugas como insumo médico. O éxito destas teorías fai que xa a principios da década de 1820 se produza un grande incremento da súa demanda, o que chegou a motivar unha auténtica febre das sambesugas cun espectacular aumento do comercio internacional que tivo o seu apoxeo no ano 1832, cando Francia importou máis de 57 millóns de exemplares. Esta circunstancia é a que da inicio ao comezo dunha relación comercial hispano-francesa que provocou a sobreexplotación do recurso das sambesugas, a aparición de varias respostas normativas para tratar de manter as poboacións autóctonas e a procura de solucións tecnolóxicas que permitisen incrementar as producións. O artigo tamén amosa como Galicia, e concretamente a zona da lagoa de Antela, foi un espazo de referencia no comercio internacional das sambesugas.
Ligazón ao artigo: