O membro de GESPIC Damián Copena ten presentado recentemente no XII Simpósio Ibérico Sobre a Bacia Hidrográfica do Rio Minho a comunicación “Comunidade local e defensa do río Miño: un achegamento á historia do conflito contra a celulosa no Condado”. O traballo, realizado en coautoría con Diego Amoedo da Universidade Federal do Oeste do Pará (Brasil), presenta os resultados dun proceso de investigación no que se está a estudar a historia do conflito desenvolvido no Condado pola posible instalación da fábrica de celulosa. Deste xeito, a partir da recompilación e análise dunha diversidade de fontes documentais, faise un achegamento á conflitividade e ao proceso de mobilización social. O traballo amosa como a defensa do río e das actividades económicas vinculadas con el foron algúns dos eixos baixo os que se organizou a resistencia ao proxecto, tanto desde a área galega como desde o lado portugués do Miño.
A investigación mostra como a finais do ano 1975 tivo lugar a publicación nos principais xornais galegos dun anuncio da empresa Celulosas de Guipúzcoa dirixido a tódolos concellos de Galicia no que se facía un chamado para que mostrasen o seu interese en acoller unha fábrica de celulosa. Un dos concellos interesados foi o de Ponteareas. Tras un acordo plenario, iníciase un proceso no que o Condado aparece como unha das opcións probables para a construción da celulosa, con varias posibles localizacións. O proxecto vinculábase co río Miño, o curso fluvial necesario para a actividade produtiva, o que xerou unha grande preocupación na poboación da contorna. Deste xeito, rapidamente vai agromar un importante proceso de oposición ao proxecto que collerá forza nos concellos do Condado e que tamén terá relevancia nas localidades da beira portuguesa do río Miño.
O XII Simposio Ibérico sobre a Bacía Hidrográfica do Río Miño, que se desenvolveu nesta edición na localidade de Tomiño, é un encontro científico e técnico aberto á comunidade que ten como obxectivo reflexionar sobre os principais desafíos ambientais deste importante curso fluvial transfronteirizo.







