O membro de GESPIC Damián Copena, profesor da área de Historia e Institucións Económicas na facultade de ADE no Campus Terra da USC, acaba de recibir unha Mención de Honra no XVII Premio de Historia Agraria Ramón Garrabou. O acto de entrega do Premio tivo lugar na cidade de Zaragoza o pasado día 16 de xaneiro dentro das actividades do XIX Congreso da Sociedade de Estudos de Historia Agraria (SEHA).
O xurado deste Premio, que leva o nome dun dos fundadores e primeiro presidente da SEHA, decidiu outorgar unha Mención de Honra a unha investigación realizada por Damián Copena, membro de GESPIC, e por María Gómez-Martín da Universidade de Oviedo. En concreto, o artigo premiado foi “Spanish–French leech trade and its consequences: From the increase in medical demand to resource depletion and technical innovation”, que foi publicado no ano 2024 na prestixiosa revista Medical History da editorial Cambridge University Press.
Este traballo analiza un aspecto non estudado desde a historiografía ate o momento: a historia económica do sector das sambesugas en España. O artigo científico centra a atención en diferentes aspectos da economía deste anélido, como os procesos de recolección, a creación de regulación específica , os ámbitos de demanda para uso médico, así como o estudio das dinámicas temporais das relacións comerciais con Francia desde o inicio do século XIX ate a década de 1860.
O Xurado do Premio destacou do traballo de investigación a orixinalidade e o interese cos que contan tanto a temática como o enfoque empregado, valorando que explora as diferentes vías de ingresos que existían nas economías campesiñas rurais e que permite abrir novas liñas de investigación achegando unha nova visión da rendibilidade dos humedais.
Á XVII edición dos premios Ramón Garrabou de Historia Agraria podían presentarse os traballos de investigación abordados desde unha perspectiva interdisciplinar sobre a historia agraria e as sociedades rurais da Península Ibérica e de América Latina que se tivesen publicado en revistas científicas de impacto internacional durante os anos 2023 e 2024.







