O mar galego ten rostro feminino. Aínda que os homes saían máis comunmente a pescar, elas, as mulleres, dedicáronse a moitos outros labores fundamentais para os traballos do mar. Isto é o que amosa As mulleres e o mar: o traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia no séculos XIX e XX de Luisa Muñoz Abeledo, doutora en Historia Económica pola Universidade Autónoma de Barcelona e profesora titular no Departamento de Historia da Universidade de Santiago (USC). Unha exposición, publicada agora como catálogo, que recompila imaxes e testemuñas e que busca honrar o labor de moitas destas mulleres que traballaron sen descanso, moitas veces pola metade do salario dos seus maridos, e sen o recoñecemento que merecían.
“A filosofía da exposición é ver o papel que as mulleres desenvolveron en comunidades marítimas de Galicia, sendo Galicia a rexión líder do estado español en pesca. Como contribuíron á súa transformación e á súa industrialización”, explica Luisa Muñoz. “Queriamos coñecer o papel das mulleres en todas as actividades que tiveran que ver co sector pesqueiro e co aproveitamento dos recursos”.
Por esta razón, o catálogo —e a exposición— está dividido en cinco módulos, un por cada subsector ao que se dedicaron as mulleres nas comunidades marítimas: a carga e descarga de peixe e o regateo nos portos; a elaboración e reparación de redes, o marisqueo, a salga e o traballo nas conserveiras. E, todo isto, relacionado coa importancia que tivo o traballo feminino na modernización das localidades nas que se realizaban estas actividades e o papel das mulleres nas economías familiares do litoral de Galicia.
“Algo moi importante do que non se adoita falar moito é que, grazas aos ingresos das mulleres, as familias podían diversificar a súa economía”. “Xuntando os ingresos dos homes, mulleres e mesmo adolescentes que traballaban nestas actividades, moitas familias conseguiron ter un nivel de vida decente. E mesmo, o que é máis curioso, nas vilas nas que acontecía isto había un saldo migratorio positivo”.
É dicir, mentres provincias do interior, Ourense sobre todo, perdían poboación no primeiro terzo do século XX; nas localidades onde había esta industria, entraban máis persoas das que saían. Muñoz atribúe isto, en parte, ao que achegaban as mulleres á economía familiar no litoral galego, en zonas como Muros, Ribeira, Bueu ou Cangas. Incluso aínda que o seu soldo fose a metade do dos homes e os seus contratos foran informais ata a metade do S.XX.
Sen dúbida, as mulleres desenvolveron un papel importante para as economías familiares porque, aínda que o seu salario fora baixo, era un diñeiro que entraba por temporada —o que chamaban as traballadoras diarias—, cun contrato verbal e informal”, conta Muñoz. “Tamén había traballadoras eventuais, que só traballaban cando había moito peixe. E ested contratos non se regularon ata 1940 cando se converteron en contrato fixo, fixo discontinuo e eventual, como seguen a ser a día de hoxe”, continúa.
Aínda que o salario da muller conserveira entrase na casa tan só seis meses ao ano, podía axudar a compensar unha mala costeira dun mariñeiro. Muñoz explica que, por exemplo, eran moi comúns os matrimonios entre mariñeiros e conserveiras, e que estas últimas podían compensar co seu salario da fábrica un mala temporada de pesca. O salario das mulleres podía ser o 30% do ingreso familiar, algo que permitía contribuír ao 50% do gasto alimentario dunha familia de cinco membros.
Noutro subsector, o do marisqueo, a partir dos anos 90, moitas destas mulleres conseguiron ser autónomas, ter seguridade social como os seus maridos e facer un mellor aproveitamento dos recursos, como ó caso das mariscadoras. Estas ata empezaron a ver a súa profesión como algo que podían ensinarlle ás súas fillas”, reflexiona Muñoz. “Ou está tamén o caso das poxadoras de peixe, unha ocupación que se herdaba dentro dunha mesma familia e que implicaba traballar nun mundo tradicionalmente masculino. Isto penso que obrigou as mulleres de costa a ter moito carácter e disposición. Porque, por exemplo, as tratantes de polbo ou de peixe en xeral tiñan que negociar as mercadorías no mundo de homes no que estaban insertas”, apunta.
O catálogo, impreso a toda cor, é a edición en libro da exposición do mesmo nome que xa estivo no Pazo de Fonseca de Compostela, no Museo do Mar de Vigo e que, proximamente, estará na vila de Muros (Fábrica do Sel).