Damián Copena, profesor da área de Historia e Institucións Económicas na facultade de Administración e Dirección de Empresas no Campus Terra da USC, acaba de ser galardoado nos XVII Premio de Historia Agraria Ramón Garrabou.
O xurado deste Premio convocado pola Sociedad de Estudios de Historia Agraria decidiu outorgar un accésit a unha investigación realizada por Damián Copena, membro de GESPIC, e por María Gómez-Martín da Universidade de Oviedo. En concreto, o artigo premiado foi “Spanish–French leech trade and its consequences: From the increase in medical demand to resource depletion and technical innovation”, que foi publicado na revista Medical History da editorial Cambridge University Press no ano 2024.
Este traballo analiza a historia económica do sector das sambesugas en España, centrando a atención nos procesos de recolección, regulación, ámbitos de demanda para uso médico, así como no estudio das relacións comerciais con Francia desde o inicio do século XIX ate a década de 1860.
O xurado destacou do traballo de investigación a orixinalidade e interese da temática e do enfoque empregado, valorando que explora as diferentes vías de ingresos que existían nas economías campesiñas; que abre novas liñas de investigación e que achega unha nova visión da rendibilidade dos humedais.
O acto de entrega do Premio terá lugar en Zaragoza no ano 2026, dentro do congreso de Historia Agraria. Á XVII edición dos premios Ramón Garrabou podían presentarse os traballos de investigación abordados desde unha perspectiva interdisciplinar sobre a historia agraria e as sociedades rurais da Península Ibérica e América Latina que se tivesen publicado en revistas de impacto internacional durante os anos 2023 e 2024.