A exposición que leva por título As mulleres e o mar. O traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia. Séculos XIX e XX, está organizada pola Cátedra Juana de Vega e comisariada pola súa directora, a profesora Luisa Muñoz. Esta exposición é un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras e loitadoras incansables que dende o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias. Os portos e as praias eran a súa casa. Aínda que case invisibles para as estatísticas oficiais de emprego, traballaron carrexando cestas de peixe, caixas de conservas e outros produtos, na venda de peixe, no marisqueo e nas liñas de procesado das fábricas de conserva. A exposición é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras, conserveiras.
No litoral de Galicia, miles de mulleres traballaron estacionalmente nas actividades auxiliares á pesca e nas industrias do mar, nos almacéns de salga no século XIX e nas fábricas de conservas de peixe no século XX, compatibilizando esta actividade co traballo agrario. Traballaban calquera que fose o seu estado civil e ata idades moi avanzadas. Polo tanto, elas levaban o pan á casa, ademais dos homes. Asemade, contribuíron, co seu saber, a modernización económica de Galicia e transformar a estrutura de ocupación laboral da rexión, a cal aínda eminentemente rural, viviu un proceso de industrialización no primeiro terzo do século no que as mulleres foron protagonistas dun complexo mar-industria no cal Galicia foi rexión líder de España e das principais de Europa. Esta posición mantívose ao longo de todo o século XX, constituíno as mulleres destas industrias do mar unha man de obra flexible, especializada, experta que contribuíu a manter a nosa industria competitiva nos mercados externos e a soster a economía marítima de Galicia.