O traballo de investigación realizado por Damián Copena, membro de GESPIC e profesor na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC, e María Gómez Martín da Universidade de Oviedo, aborda o proceso de modernización da apicultura galega seguindo os pasos de Benigno Ledo. Este párroco, nacido en Chantada, foi a figura clave na introdución e na difusión das prácticas mobilistas no territorio galego. Desde a década de 1880, coa introdución da primeira colmea mobilista, este relixioso ten sido protagonista, a través dunha longa e diversa serie de iniciativas, do impulso para a transformación do modelo apícola e a divulgación e expansión das técnicas modernas vinculadas coas colmeas de cadros móbiles.
Certamente, a apicultura en Galicia experimentou un importante proceso de modernización nas primeiras décadas do século XX, un proceso no que Benigno Ledo “o Cura das abellas” tivo un papel destacado. Este feito queda constatado no artigo “Benigno Ledo, o Cura das abellas, e a modernización da apicultura en Galicia”, que ten sido publicado recentemente na revista Cuadernos de Estudios Gallegos.
No artigo móstrase como Ledo participa en diversas accións como a colaboración en múltiples cabeceiras de prensa, a realización de conferencias ou a innovación tecnolóxica en colmeas e utensilios apícolas, nalgúns casos a través de patentes. No entanto, dentro da longa traxectoria de actuacións vinculadas coa modernización da apicultura en Galicia nas que participa destaca a súa designación, por parte da Deputación de Lugo, como profesor provincial de apicultura. Así, desde o ano 1927 ata o 1948 Ledo desenvolve unha ampla e variada gama de iniciativas vinculadas coa propagación e fortalecemento do mobilismo. Deste modo, convértese en profesor de apicultura en centros de ensinanza de Lugo, instala varios apiarios tanto na cidade como en diferentes puntos da provincia, realiza conferencias en municipios e sindicatos e tamén publica materiais formativos específicos, sendo destacable o seu Cursillo práctico de Apicultura, que se converte nunha obra de referencia no ámbito galego. As tarefas realizadas desde a Deputación posibilitan o incremento do número de colmeas mobilistas na provincia e a expansión das prácticas modernas. Estas actuacións a prol da apicultura moderna continuarán nas seguintes décadas grazas ao alumnado e aos discípulos do profesor de apicultura.